C.A.B. Arzúa vs CB Noia

O pasado catorce de outubro debutaba o CAB Arzúa como equipo local recibindo ao Noia. As follas dos caducifolios que non ardían tostábanse e moitas árbores tornaban en esqueletos de carbón pola vaga de incendios que, de novo, asolagaban o país.

Nesas circunstancias empezou unha pequena batalla no pavillón de Santa María. Unha batalla baloncestística que concluiría con vitoria para o noso equipo por 68 a 41.

Nos preliminares do xogo percibíase que ía ser un encontro fogoso e complexo. O Arzúa enfrontábase a unha equipa aloumiñada coa virtude da mocidade, mais comezou con vigor grazas, en gran parte, ao empaque emocional que proporcionou o aire refrescante dos pequenos arzuáns que se inician neste deporte e a presenza de Aitor Vázquez. Este xogador, que posúe a capacidade de observar dende o ceo debido á súa enorme altura, rematou o partido con 29 puntos, innumerables tapóns, asistencias, rebotes e espectaculares mates. Nel se apoiou o CAB para dar o primeiro golpe enriba da mesa cun parcial no que se situou a máis de dez puntos do rival. Con el medrou a ilusión e esperanza de vivir unha tempada histórica cando, na primeira canastra, afundiu o balón no aro cun espectacular mate que destapou o tarro das esencias e abriu abundantes bocas impactadas que aínda hoxe non atinaron a pecharse.

Animados por unha grada entregada con faíscas de sorrisos cómplices, e golpes de palmas, o equipo local continuou a travesía con constantes presenzas do balón na rede. Xogaron todos e xogaron ben, como un equipo, como un grupo de amigos unido en pos de acadar unha vitoria.

Merecen unha mención especial Miguel, Ale e os xogadores do Noia que sufriron lesións das que desexamos unha pronta recuperación. Tamén a gran churrascada coa que recuperaron enerxía algúns dos membros do equipo e que rematou con historias que non cómpre relatar neste espazo.

É fermoso ver como, logo de tantos anos sementando, contémplase o froito dun proxecto co ánimo e a confraternidade de veteranos incansables e mozos esperanzados. É fermoso ver que, aínda que lume queime, a terra fai de berce cos soños.

Arzúa 68: Aitor (29), Carracedo (16), Diego (6), Ezequiel (4), Ale (6), Joseba (7), Antonio David, Miguel, Damian, Jorge, Costoya. Adestrador: Moreira.

Noia 41.

Declaración da xornada. Logo dun impresionante tapón, Antonio David asegura cun sorriso traste: quería lucirme.

XL Milladoiro vs C.A.B. Arzúa

Partido contra o XL Milladoiro. Crónica:

Dura derrota.

O CAB Arzúa visitou Milladoiro con entusiasmo e afán por iniciar a temporada do mellor xeito posible. Ditas emocións non se contaxiaron á pista, provocando un primeiro parcial que acadou unha diferencia duns vinte puntos. Houbo intentos de remontar, mais non chegaron a bo porto. O resto do partido moveuse neses parámetros.

Destacar o acerto exterior do equipo local, ademais do seu xogo vivo e colectivo. No noso equipo o máximo anotador foi Aitor Vázquez, que debutaba logo de xogar varias temporadas no Estudantes de Lugo.

Mención aparte merecen os debuts de Antonio David, Aitor, Costoya, Miguel e Diego. Foi incríbel a súa disposición e o potencial que prometen.

Traballaremos para mellorar, para poder gañar o partido o próximo sábado ás 20 horas no pavillón de Santa María. Traballaremos para poder comunicarvos para a semana que camiñamos polo camiño da vitoria.